27/01/2024

Qdd's CMC ► Ruta do Castro + Cocido

► ANOTARSE
► REXISTRADOS

DESCRIPCIÓN DO roteiro

Este roteiro sinalizado e homologado pola Federación Galega de Montaña como PR-G 196 transcorre pola parroquia estradense de San Miguel de Castro, tendo un trazado circular que pódese comezar no lugar de O Seixo, a carón da capela das Angustias, sitio de paso da Vía da Prata.

O sendeiro amosa dúas partes diferenciadas: o treito da ribeira do Ulla no que pasamos por sendeiros abertos polos pescadores -o de máis bonitura- e logo a parte alta do interior con zonas de bosque mixto e camiños entre aldeas -xa menos interesante-.

Puntos a mencionar son:

A capela de Nosa Señora das Angustias, erguida no ano 1707 na Albergaría e trasladada a O Seixo no 1880; sendo aquí o lugar de inicio do sendeiro.

O miradoiro de O Castro, de fabulosas vistas sobre a bacía do río Ulla.

As dúas pontes de ferrocarril en Gundián, de esvelta construción e que salvan o Paso da Cova, un estreitamento na canle do Ulla cun ancho de 4 metros entre paredes de filón de cuarzo duns 50 metros de altura. Conta a lenda que aquí había unha enorme lagoa terras enriba e que existía un mosteiro templario do século XIV -no se atopou ningún resto- e os monxes perforaron o monte para drenar as augas dando así orixe a este angosto paso.

A igrexa de San Miguel de Castro, do ano 1115 e que conserva de estilo románico a absida e un arco triunfal.

O hórreo de pranta máis ben cadrada de Prado e que é nomeado coma “a hórrea”.

Nota importante: En tempos de moita choiva, con crecidas no río Ulla, o paso polo treito que está aos pés das pontes de Gundián, pode presentar problemas por ser zona de posible asolagamento.

02/01/2024

Qdd's CMC ► Selva Negra

► ANOTARSE
► REXISTRADOS

DESCRIPCIÓN DEL ITINERARIO

Con esta andaina imos descubrir que Santiago conta con extraordinarios espazos naturais as mesmas portas do seu núcleo histórico, desde o corredor arborado do río Sarela ata os parques forestais da Granxa do Xesto e a Selva Negra e amais pasaremos por unha morea de construcións de valor etnográfico coma poden ser lavadoiros, muíños hidráulicos, fontes e antigas fábricas de curtidos.

-Río Sarela

O río Sarela, que acompaña a cidade pola beira oeste, conserva valores ambientais e patrimoniais que cómpre coñecer e valorar. Do seu curso tiráronse multitude de beneficios e aproveitamentos dos que quedan diversas pegadas: lavadoiros, muíños, curtidoiros e, sobre todo, pontes. Desde cada unha delas podemos achegarnos a calquera dos tramos de sendeiro que o acompaña ata o seu remate no Sar.

Foi, así mesmo, un río que sufriu moitas intervencións: construción de presas e canles para levar a auga aos muíños, ocupación das súas beiras con muros, estradas e outras estructuras, deforestación, verquidos urbanos, … Desde hai anos iniciouse un proceso de recuperación, que incide na mellora da calidade da súa auga e na accesibilidade polas súas marxes, así como na conservación da vexetación ribeireña e dos elementos patrimoniais. Trátase, xa que logo, de protexer os valores propios do río e divulgalos, de facilitar o achegamento ao río para que se goce del e para que se recoñeza como fonte de vida e de recursos.

A pesar do seu curto percorrido, a forza do Sarela movía os rodicios de ata trinta muíños fariñeiros. A maioría deles eran de millo, pero tamén os había de trigo e centeo, para abastecer coa súa actividade aos panadeiros e labregos de toda a comarca. A gran dimensión dalgúns deles, como é o caso do da Agra, indica o seu uso industrial como muíños de maquía.

-Fábricas de curtidos

Aínda que hoxe está a desaparecer como actividade, estas marxes (do río Sarela) acollen abondosas mostras do antigo esplendor dunha industria, se cabe a máis importante na Compostela do século XIX. Son varias as causas que xustifican a proliferación das fábricas de curtido de peles na beira do Sarela. A máis importante e que se precisaba de abundante auga corrente en moitas das etapas de fabricación, así como dunha rede viaria próxima que facilitara tanto a chegada de materia prima -que en grande medida proviña de América- como a distribución dos coiros transformados.

A preparación previa das peles supuña a súa inmersión en auga con cal apagada, nos chamados pelamios, para abrir os poros e facilitar a súa limpeza. Seguidamente procedíase ao pelado e escarnado do coiro. Para isto usábanse uns coitelos especiais cos que se eliminaba o pelo, restos de carne e outros residuos.

A fábrica de Pontepedriña de Arriba (1789 – 1961) construída por Ignacio Calvo e Manuel Abendaño foi unha das máis destacadas pola súa  dimensión e importancia no sector. Nunha primeira ampliación da actividade, os propietarios pasaron a importar os coiros directamente de Río da Plata.

-A Granxa do Xesto

A Granxa de Xesto, parque metropolitano da cidade de Santiago, cobre unha importante oferta turística baseada no aproveitamento e na conservación dos recursos naturais. Atópase enclavado na ladeira oeste do Monte Pedroso e ocupa unha extensión aproximada de 83.000 metros cadrados. O parque conta con amplos prados, lagos e arboredo de diversas especies que se poden percorrer paseando, en bicicleta ou correndo a través dunha ampla rede de camiños de máis de 2.000 metros de lonxitude.

O nome de Granxa do Xesto, espazo veciño a Selva Negra, vén dos séculos XVII e XVIII, cando este terreo -adicado ao labradío- pertenceu a diversas xeracións da familia Gesto. A finais do século XVIII a Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago arrendouna para convertela nunha granxa experimental. Pasado o tempo a Granxa adicouse á explotación forestal até que no ano 2003 foi recuperada para o desfrute público.

-A Selva Negra

Este vizoso bosque existía xa no século XVII, cando diversas institucións e individuos compartían a propiedade das fincas do lugar e da contorna. Tratábase de labradíos e monte cun arboredo importante que era municipal. A finais do século XVIII a Selva Negra era lugar de lendas, sosegados paseos no verán e merendas e festas da mocidade.

O seu insólito nome ten unha orixe descoñecida que podemos atribuírlle á súa vexetación exuberante, ás románticas ruínas -dunha capela ou vivenda moi antiga- ou ao arredado da súa localización. Rodeada dos labradíos da aldea de Bar, dos agros do Espiño e da Granxa do Xesto, na Selva Negra a natureza amosaba o seu lado máis agreste.

Tras varios anos de abandono, foi adquirida polo Consorcio de Santiago no ano 2007. O Concello de Santiago acometeu entón un programa de eliminación de especies exóticas e rexeneración dos seus valores naturais. Hoxe a Selva Negra forma xunto coa Granxa do Xesto un extenso espazo verde de máis de 330.000 metros cadrados cunha elevada biodiversidade, diferentes tipos de hábitats (bosques, prados, pequenas zonas de matogueira, cursos de auga) e un singular contido patrimonial.

A Selva Negra ocupa unha valgada na que se recollen as augas que caen entre as abas do Monte Pedroso e o Monte de San Paio. Estas augas van na maioría polo subsolo, saíndo a superficie na parte sur da finca, onde comeza un regato que morre no río Sarela. Na parte central descubriremos uns grandes furados que corresponden a minas construídas para acondicionar e extraer auga do subsolo. Esta auga empregábase para o rego.

A fonte monumental da Selva Negra: os testemuños antigos eloxian sen cesar as augas desta paraxe, capaces como poucas de refrescar nos días de verán. O que hoxe vemos é un fermoso traballo de cantaría, cun coidado deseño dos fluxos da auga e unha sigular bancada que invita a descansar ao seu carón. No alto poden intuírse os restos dun escudo e no corpo central albíscanse as trazas de varias inscricións históricas que podrían datar a fonte nos séculos XVII-XVIII. Corría o século XVII cando o concello decidiu adornar e mellorar a contorna da Fonte de Xián, logo chamada do Cardeal. Por esa razón mandoulle á veciñanza de Marrozos, de Aríns e do Eixo traer os carballos que están na orixe deste bosque.