|
|
DESCRIPCIÓN DO roteiro
Este roteiro sinalizado e homologado pola Federación Galega de Montaña como PR-G 196 transcorre pola parroquia estradense de San Miguel de Castro, tendo un trazado circular que pódese comezar no lugar de O Seixo, a carón da capela das Angustias, sitio de paso da Vía da Prata.
O sendeiro amosa dúas partes diferenciadas: o treito da ribeira do Ulla no que pasamos por sendeiros abertos polos pescadores -o de máis bonitura- e logo a parte alta do interior con zonas de bosque mixto e camiños entre aldeas -xa menos interesante-.
Puntos a mencionar son:
A capela de Nosa Señora das Angustias, erguida no ano 1707 na Albergaría e trasladada a O Seixo no 1880; sendo aquí o lugar de inicio do sendeiro.
O miradoiro de O Castro, de fabulosas vistas sobre a bacía do río Ulla.
As dúas pontes de ferrocarril en Gundián, de esvelta construción e que salvan o Paso da Cova, un estreitamento na canle do Ulla cun ancho de 4 metros entre paredes de filón de cuarzo duns 50 metros de altura. Conta a lenda que aquí había unha enorme lagoa terras enriba e que existía un mosteiro templario do século XIV -no se atopou ningún resto- e os monxes perforaron o monte para drenar as augas dando así orixe a este angosto paso.
A igrexa de San Miguel de Castro, do ano 1115 e que conserva de estilo románico a absida e un arco triunfal.
O hórreo de pranta máis ben cadrada de Prado e que é nomeado coma “a hórrea”.
Nota importante: En tempos de moita choiva, con crecidas no río Ulla, o paso polo treito que está aos pés das pontes de Gundián, pode presentar problemas por ser zona de posible asolagamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario